Historia
En plena Transición política e coa incertidume no ambiente xurde a ansia polo fútbol en Pol. Foi un 2 de Xaneiro do ano 1979, no bar Abuide de Mosteiro, onde uns ousados amantes do fútbol puxeron a primeira pedra deste clube que xa leva escritos case trinta anos de historia.
Con Manuel Luna, primeiro presidente da SD, o clube afrontou a construción dun estadio. O daquela chamado O Aturuxo foi construído sobre un terreo de titularidade veciñal, cunhas medidas de 105X62, aparte dunha grada, un muro que rodea o recinto, uns vestiarios, almacén, bar e unha pista polideportiva ó carón do campo. O recinto foi inaugurado cun partido amistoso entre o CD Lugo e o RCD Deportivo da Coruña.
Neste primeiro ano, o clube participou na extinta Liga das Rías Altas (grupo norte lucense da antiga Segunda Rexional, hoxe Segunda Autonómica), rematando clasificado no sétimo lugar.
A SD alcanza o ascenso a primeira rexional en tres ocasións. A primeira, na temporada 86-87, na que, ademais, logrou a victoria máis abultada da súa historia: Un 18-0, diante do Rodeiro, con goles dos míticos Victor (6), Santiso (6), Félix (2), Manolo (2) e Nicolás (2). Na temporada 89-90 consegue a súa mellor clasificación histórica, quedando sexto en Primeira Rexional, categoría que abandonaría na temporada 90-91, para volvela retomar na 95-96, xunto co Abadín CF. Esta etapa en Primeira Rexional durou un ano, ata que de novo na temporada 99-00 a SD gaña unha liguiña de ascenso frente a Celta Barreiros e Sober e convértese en novo equipo de Primeira (Autonómica). Actualmente, milita en Segunda Autonómica dende a temporada 01-02.
Os logros máis importantes deste clube foron a copa Deputación acadada na temporada 85-86, diante do Roupar e varios subcampeonatos desta mesma competición.
O equipo fundado por Manuel Luna tivo ademais de equipo Amateur varias formacións de xuvenís, cadetes ou veteranos. Como novidade, na temporada 06-07, a SD Pol creou un conxunto de baloncesto Xunior, proxecto que está a ter continuidade cun equipo de baloncesto Amateur, que milita na Segunda Provincial.
Actualizado (Jueves, 21 de Enero de 2010 22:38)


